Cervo convida o sábado a unha xornada de gastronomía e folk, coa actuación de Tanxugueiras

A exaltación da carne de porco, con tapas nos bares e degustación de churrasco, e a Foliada ofrecerán unha xornada festiva completa o 11 de maio

Presentación da Foliada e da Exaltación da Carne de Porco de Cervo. AXM

A décimo terceira festa de exaltación da carne do porco e a quinta Foliada, que ofrecerá a actuación de Tanxugueiras, animarán o vindeiro sábado no concello de Cervo.

As asociacións Airiños do Xunco e Fervenza de Sargadelos organizan a xornada cultural e gastronómica coa colaboración do Concello. O alcalde, o popular Alfonso Villares, e a edil de cultura, Dolores García Caramés, presentaron esta dobre cita xunto con representantes destes dous colectivos.

PROGRAMA

A xornada festiva comezará ás 11.30 horas cun obradoiro de regueifa a cargo de Lupe Blanco e Manolo Maseda. Ás 13.30 horas será a quenda da sesión vermú, amenizada polo grupo tradicional Dorna, de Dorneda.

Os locais de hostalería de Cervo ofrecerán tapas que terán como denominador común a carne de porco. O Caseto de Copa preparará raxo con salsa de champiñóns e carrilleiras ao viño tinto; o Bar Figuerido, lingua estofada e morro ao caldeiro; Pousada O Almacén, manitas de ministro e callos; A Sacabeira (Sargadelos), lacón cocido e orella.

Xa pola tarde, desde as 16.30 horas, haberá un obradoiro de canto e pandeireta para a rapazada e outro de baile.

As actuacións musicais regresarán a partir das 19:45 horas, coa actuación de diferentes agrupacións da zona como 7 meigas e un meigallo (CEIP Península da Paz, San Cibrao), A Rebolaxe (San Cibrao), As Maiolas (San Ciprián), Cantareiras de Valdeflores (Xunqueira), Cordenaia (Cervo), Grileiras da SCR Ledicia (Burela), Os do 21 (O Vicedo), Saíñas (Xove) e Troula Stone (Terras de Ortegal e A Mariña).

A partir das 20.00 horas comezará a festa gastronómica de Exaltación da Carne de Porco, con venda de racións de churrasco, chourizo, pan e viño a un prezo de sete euros.

ACTUACIÓN ESTRELA

Xa a partir das 23.00 horas terá lugar a actuación de Tanxugueiras. Segundo expón a organización, o trío de pandereteiras, unha das revelacións do panorama musical galego, “achega o mundo da pandeireta e do baile dun xeito doado, natural, cun empaste nas voces pouco común, cuns arranxos elegantes e coidados, cun son grande e cristalino, cun agarimo inusual, cunha tímbrica instrumental que conecta oriente e occidente, con intelixencia e humor”.

Ademais, haberá queimada, sorteos e feira de artesanía.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here